Sanidade pon en marcha a aplicación «Sergas Móbil»

1 minutes read

O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, e o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón, presentaron o lanzamento da nova plataforma ‘Sergas Móbil’, mediante a que se integrarán todos os servizos dixitais do Sergas dentro da mesma aplicación, coa que facilitará o acceso aos servizos de videoconsulta na sanidade pública galega.

Entre as súas novidades, incorporase a posibilidade de acceder desde o propio aplicativo aos servizos de videoconsulta con facultativos de atención primaria ou hospitalaria, sendo estes profesionais os encargados de prescribir ditas consultas.

A nova aplicación deseñada polo Sergas tamén ofrece a posibilidade de empregar a tarxeta sanitaria virtual. Así, as persoas que descarguen ‘Sergas Móbil’, non terán que levar consigo a súa tarxeta sanitaria física, pois todos os seus datos tamén ficarán almacenados no seu dispositivo móbil. Cómpre subliñar que para gozar da tarxeta sanitaria virtual non é preciso contar cun certificado electrónico para acceder aos servizos administrativos básicos. Este requirimento, si será preciso para poder acceder á información clínica.

Neste sentido, as persoas que desexen retirar medicación nas oficinas de farmacia poderán realizalo dun xeito cómodo accedendo a este aplicativo, ao gozar esta tarxeta dixital, do mesmo valor que a tarxeta física.