Aberto o prazo de inscrición ós concursos de decoración de Nadal de Santiago

Con esta iniciativa preténdese atraer a atención da clientela e aumentar así o consumo e as ventas durante este período vacacional. Tamén arrinca o prazo de inscrición no I Concurso de Decoración de Nadal Veciñal que recompensará as vivendas particulares coas fachadas, balcóns e xardíns mellor decorados.

O BOP publicou as bases das convocatorias do «Concurso de Decoración de Nadal Veciñal» e do «Concurso de Escaparates de Nadal», iniciativas do Concello de Santiago. Trátase de dúas accións impulsadas polo departamento de Comercio e a concellaría de Relacións Veciñais coas que se busca recoñecer e premiar económicamente o esforzo decorativo tanto da veciñanza a nivel individual coma do comercio local, pola súa contribución á imaxe da cidade como punto de atracción para veciñanza e visitantes.

Para o concurso de escaparatismo, destinarase un importe total de 6.950 euros que serán repartidos en seis premios dende 2.000€ ata 500. No concurso de Nadal Veciñal repartiráse entre os gañadores e gañadoras catro premios de 500 euros.

O prazo de presentación de solicitudes para ambos os dous concursos comeza o 16 de decembro e rematará o día 19 de decembro de 2022. As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica do Concello de Santiago ou ben de xeito presencial nos rexistros municipais.

Nos dous concursos, a proposta ornamental deberá estar exposta dende o vindeiro 22 de decembro ata o día 6 de xaneiro de 2023. De cara á decisión final, os concursantes terán que enviar, antes do 25 de decembro, dúas fotos do escarapate adornado ao mail comercio@santiagodecompostela.gal ou da decoración realizada a relacionsvecinais@santiagodecompostela.gal. No caso da decoración das vivendas, valorarase a creatividade dos concursantes e tamén se terá en conta a utilización de materiais de refugallo.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha