O Pleno aprobou este xoves de forma inicial a ordenanza fiscal 1.32, reguladora da recarga municipal sobre o imposto autonómico ás estadías turísticas, cos votos a favor de BNG, CA, PSOE e concelleiros e concelleiras non adscritos e coa abstención do grupo municipal popular.
“É un día para parabenizarnos polo que hoxe aprobamos, por sermos pioneiras, máis unha vez, e pola responsabilidade que demostramos”, salientou a alcaldesa, que reivindicou o papel de Santiago como capital na toma “da iniciativa no debate público sobre os efectos do turismo e a necesidade de buscar o equilibrio entre o que ten de positivo e de negativo, entre os intereses da veciñanza e os das persoas visitantes ou do mercado turístico”. Sanmartín tamén fixo fincapé en que Compostela foi abandeirada “no impulso das mudanzas normativas. Defendemos a aprobación dunha lei autonómica e chegamos, mesmo, a presentar dous textos, para a creación dun imposto do que se beneficiarán moitos outros concellos que tamén teñen unha alta afluencia turística. Hoxe culminamos esa iniciativa co impulso dunha ordenanza, que é pioneira e que concreta a aplicación do imposto no noso concello”.
A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, quixo lembrar o proceso ata chegar a hoxe, “un proceso que comezou a principios de agosto de 2023” cando se enviou “á Presidencia da Xunta o primeiro informe sobre a necesidade deste imposto en Compostela, acompañado dunha proposta de lei. Tamén nos reunimos e mantivemos sesións de traballo con entidades representativas do sector e da cidadanía, grupos municipais, sindicatos, outras administracións e asociacións veciñais. Organizamos xornadas específicas, enquisas e foros participativos”. A edila subliñou que “debido á novidade que implica esta ordenanza, unha vez aprobada a lei, continuamos co proceso participativo. Publicouse unha consulta previa na web municipal entre o 26 de marzo e o 7 de abril, para que calquera persoa puidese facer achegas. Pero, ademais, tamén quixemos acrecentar o proceso cunha convocatoria aberta a entidades do sector e representantes da cidadanía nun sentido moi amplo, desde asociacións veciñais ata entidades culturais, empresariais e sindicatos, así como representantes de todos os grupos políticos da corporación para presentar un primeiro borrador e recoller suxestións, e que tivo lugar no Cersia o 28 de marzo”.
Despois de todo este proceso, sinalou, “esta ordenanza, pioneira e altamente demandada pola veciñanza, chega a este Pleno”.
Ordenanza
Estruturada en 15 artigos, recolle, como feito impoñible do tributo a estadía por día, cunha serie de exencións que son as que marca a lei. O gravame que se aplica é o máximo que permite a Lei autonómica que crea o imposto: de 1 a 2,5 euros por día dependendo da categoría do establecemento e ata un máximo de 5 días. A xestión farase con autoliquidacións semestrais dos establecementos.
En canto á afectación dos ingresos, indícase que o 80%, unha vez deducidos os gastos da súa aplicación, se dedicará aos fins establecidos pola lei reguladora: investimentos e gastos vinculados a promoción, o impulso, a protección, o fomento e o desenvolvemento do turismo sustentable.
O último artigo crea e regula unha comisión municipal de asesoramento e seguimento para asesorar sobre a aplicación dos ingresos. Nese Foro de Turismo Sustentable, “que se poñerá en marcha nos vindeiros meses, manteremos esa participación ampla do sector e da sociedade que consideramos necesaria para seguir traballando no modelo turístico que Compostela demanda e precisa”, apuntou a concelleira.
Louzao lembrou que “este imposto ten o obxectivo de equilibrar algúns dos desaxustes provocados entre uns orzamentos municipais que se calculan en función do número de persoas residentes e un nivel de gasto moito máis elevado polo volume de visitantes que chegan cada día a Compostela” e engadiu un dato: “Compostela atópase entre as primeiras cidades do estado español en relación á presión turística sobre as persoas residentes” ao rexistrar unha ratio de 9,45 turistas por habitante, superando en case 5 puntos destinos como Barcelona ou Sevilla. Equilibrar estes gastos, subliñou, “implica non só os servizos básicos que todos temos en mente, senón tamén ter máis recursos para mellorar o concello e por tanto a vida da veciñanza e, ao mesmo tempo, tamén o que podemos ofrecer a quen nos queira coñecer. E, por suposto, tamén significa máis recursos para traballar por obxectivos como a diversificación ou a desestacionalización, é dicir, a mellora do sector”.
En definitiva, resumiu, “a ordenanza que hoxe sometemos a votación é un chanzo máis en todo o traballo que estamos a realizar para implementar un novo modelo turístico, baseado na responsabilidade, no compromiso coa sustentabilidade do destino visitado e na convivencia harmónica coa vida cotiá da veciñanza”.