Santo Hadrián, testemuña de excepción do solsticio de verán

1 minutes read

Trátase dun fenómeno único: ver o solsticio de verán desde a punta de Santo Hadrián. Nesta localización poderase contemplar o amencer e a posta de sol sobre o mar, un acontecemento excepcional en Galicia durante esta fin de semana.

O fenómeno acontece ao acadar o sol a súa máxima altura do ano, ao acadar a Terra a súa maior inclinación do hemisferio norte cara o astro rei. En Galicia, só se pode contemplar un feito similar no cabo Ortegal. Sucede en Malpica ao contar con costa tanto no oeste coma no leste.

Desde o Concello de Malpica convidan á veciñanza a ser testemuña de excepción deste fenómeno único, e indícase que o mellor momento para contemplar isto é ao amencer, que será sobre as 6:55 da mañá, e ao solpor, previsto contra ás 22:19 horas, sempre coas medidas de seguridade indicadas polas autoridades sanitarias polo COVID-19. O lugar idóneo é na punta de Santo Hadrián ao tratarse do espazo de terreo máis metido no Atlántico.