Satélites, Compostela e Panorama City entre as orquestras que tocarán en Carballo este San Xoán

2 minutes read

Tal e como anunciaban este martes desde a Comisión organizadora o martes 23 actuarán a orquestra Compostela e Señora Dj. O mércores 24 será o turno da Panorama City e da actuación estrela de Baiuca e o xoves 25 tocarán Los Satélites e o grupo La última Legión. Este último trátase dun proxecto musical dacabalo entre unha orquestra e unha banda que protagoniza cada noite un animado tributo ao pop rock de todos os tempos. Hai por tanto moi poucas cancións que o público non poida cantar e iso é un seguro de vida á hora de triunfar nunha verbena.

Álex González e a súa guitarra acústica protagonizan un show que conta en segundo plano coa gran e prometedora voz de Miriam Couceiro, procedente da orquestra Ipanema, e cunha nómina de músicos na que podemos atopar profesionais de primeira liña no pop rock da provincia, como é o caso de Carlos Rabanal e o seu baixo ou Jorge Majo e a súa guitarra. Tamén é destacable a presenza de novos talentos que mostran xa unha gran proxección de futuro. Destacan neste sentido José Antonio Fuertes como teclista e José Ángel Fernández como saxofonista.

Mención específica merece o papel de Javi Arias, que manexa con mestría a súa guitarra e á vez fai uns coros exquisitos que contribúen de maneira notable ao lucimento das voces principais de La Última Legión.

‘No dudaría’, ‘Cien Gaivotas’, ‘Mediterráneo’, ‘Ni tu ni nadie’ e persoalísimas versións de ‘María la portuguesa’ e ‘Mi gran noche’ son só algúns dos temas que integran o repertorio dunha banda que conta cunha montaxe de estilo clásico e que foxe das postas en escena grandilocuentes. Unha boa opción por tanto para pasar unha noite entretida e para cantar sen parar da man dunha formación na que quizá se bota de menos un pouco máis de presenza por parte da súa cantante feminina, que cega en todo caso con soberbias interpretacións como ‘Sobreviviré’, de Mónica Naranjo, ou ‘The best’, de Tina Turner.