Segue en prazo a solicitude de axudas a concellos para mellora dos camiños ás parcelas agrícolas

1 minutes read

A Consellería do Medio Rural lembra que segue aberto o prazo para que os concellos poidan solicitar as axudas do Plan Marco 2022-2023, que contempla preto de 18 millóns de euros para mellorar os camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.

Así, o prazo para presentar as solicitudes de axuda rematará o venres 25 de febreiro, mentres que o prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á presente anualidade será o vindeiro 10 de setembro, mentres que o tope para o exercicio próximo será o 10 de xuño de 2023.

O obxectivo deste plan é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das principais vías de comunicación e doutras infraestruturas. Estes camiños facilitan o acceso ás 30.000 entidades de poboación nas que se asentan as vivendas da poboación rural e supoñen as canles de entrada e saída das producións agrarias que precisan os negocios das respectivas contornas. Por iso, a Xunta quere promover con estas actuacións a accesibilidade e vertebración do territorio, dinamizando o tecido produtivo ao contribuír á mellora da capacidade organizativa destas áreas rurais.

En concreto, a finalidade destas axudas é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Porén, quedan excluídas as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.