Segundo expediente sancionador a Rueda por facer electoralismo desde o Consello da Xunta

2 minutes read

A Xunta Electoral Galega vén de abrir un novo expediente sancionador ao candidato do PP e presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, por facer electoralismo desde o Consello da Xunta. É o segundo expediente aberto a Rueda por feitos similares e o terceiro que recibe o PP en xeral, fronte a un expediente aberto a Pedro Sánchez pola súa visita electoralista a Navantia. Ademais de expedientes sancionadores, o PP xa recibiu tamén nove amoestacións por outros tantos incumprimentos da lei electoral, fronte a tres amoestacións ao PSOE e unha a BNG e Democracia Ourensana.

No caso dos expedientes sancionadores, estes aínda teñen que concluírse. A lei electoral prevé, no seu artigo 153, que «toda infracción das normas obrigatorias» contidas nesa norma que non chegue a ser delito electoral será sancionada con multa «de 300 a 3.000 euros se se trata de autoridades ou funcionarios e de 100 a 1.000 euros se se realiza por particulares».

O novo expediente aberto a Rueda parte de dúas denuncias do BNG e do PSdeG por declaracións do presidente na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do 8 de febreiro. Rueda xa fora amoestado por facer electoralismo no Consello da Xunta do 18 de xaneiro pedindo «confianza para poder gobernar» e criticando ao resto de partidos políticos. Despois abríuselle un expediente sancionador pola súa actuación no Consello do 1 de febreiro ao facer electoralismo co complemento autonómico das pensións non contributivas.

O expediente aberto agora polo Consello do 8 de febreiro censura frases de Rueda de valoración de diversas medidas anunciadas tras aquela reunión como: «somos un referente na xeración de enerxías renovables, con beneficios, medioambientais… aforros importantes»; «ante a inactividade e falta de axudas de quen toma a decisión» (en alusión ao Goberno do Estado); «programa de moito éxito que acolleu a 600 mozos e mozas»; «en Galicia o numero de dependentes se incrementou en mais de 12.000, a ratio de atención é a terceira mais alta, redución significativa da lista de espera»; «o 70% dos custos da lei de dependencia son asumidos pola comunidade autónoma»; ou «axuda con un éxito moi salientable». A Xunta Electoral tamén salienta que as declaracións de Rueda «nin foron efectuadas en resposta a preguntas dos periodistas, polo que carecen de espontaneidade, nin quedou demostrado que todas garden relación directa cos acordos adoptados no Consello da xunta de ese día».

A Xunta Electoral conclúe que «son declaracións cun fin publicitario eloxioso e electoralista e favorable para un dos partidos concorrentes as eleccións e que encabeza o presidente da Xunta de Galicia, polo que se produce a quebra do principio de igualdade, á par que se quebranta o principio de neutralidade que deben respectar os poderes públicos durante todo o período electoral».