O Consello de Contas entregou este venres no Parlamento os seus últimos informes de fiscalización das administracións públicas galegas, novamente pasado o mediodía e nunha ponte ás portas da última fin de semana de xullo, como vén ocorrendo nos últimos anos, o que reduce a visibilidade mediática duns documentos que adoitan poñer en dúbida a boa xestión da que vén gabándose o Goberno de Feijóo. Tras anos reiterando que a Xunta non está a cumprir as recomendacións que se lle formulan para mellorar o control dos cartos públicos en múltiples ámbitos.
Para realizar a súa análise o ente fiscalizador analizou unha mostra de contratos realizados en 2016 polas consellerías de Medio Ambiente, Infraestruturas, Mar e Medio Rural, así como pola Axencia Galega de Infraestruturas, ás que previamente preguntara pola súa actuación nesa materia. Segundo Contas, Medio Ambiente, Infraestruturas e a Axencia de Infraestruturas contestáronlle que non fraccionaran ningún contrato, pero a verificación posterior realizada por Contas constatou fraccionamentos en todos os departamentos analizados agás a Consellería de Infraestruturas, da que á súa vez depende a Axencia Galega de Infraestruturas.
En concreto, Contas di que “na Axencia Galega de Infraestruturas detectouse a existencia de fraccionamento en expedientes que representan o 5% da contratación menor realizada”. Esa porcentaxe de fraccionamento de contratos é segundo Contas dun 2% na Consellería do Mar e dun 1,04% na de Medio Ambiente, na que atribúe o incumprimento en concreto á Dirección Xeral do Territorio e Urbanismo. Contas tamén sinala o fraccionamento de nove contratos en Medio Rural pero non cuantifica a porcentaxe que iso supón.