Semana Cultural cargada de actividades en Zas

1 minutes read

A Festa da Carballeira traénos unha nova edición da Semana Cultural organizada polo Concello de Zas. A programación, que arranca o domingo día 28 e culmina coa XXXVI Festa da Carballeira, chega con actividades gratuítas para todas as idades e para todos os públicos.

Durante estes 7 días teremos espectáculos e actuacións de primeira liña, diferentes obradoiros, música, literatura e ademais o noso patrimonio será un dos protagonistas. O encargado de poñer en marcha este completo programa será o grupo Sen Tempo Teatro da Escola Municipal de Teatro para Adultos do Concello de Zas coa súa obra “Cartos non hai”. A cita é o próximo domingo, 28 de xullo, ás 21:00 horas no Auditorio do Concello.

E xa o luns, 29 de xullo, arranca de cheo a programación que se desenvolverá principalmente no Centro Sociocultural de Zas. As propostas para o público infantil son moi variadas e que van dende a música ata os obradoiros. “Ioga-música” con Lydia Botana; o contacontos teatral “Avós” de Trinke Trinke Teatro; “A maxia da nosas letras” co Mago Teo ou “A maxia dos contos” con Ian&Elisa son algúns dos espectáculos que teremos ao longo da semana. Pero os máis novos tamén terán tempo para aprender e para poñer a súa creatividade a voar cos distintos obradoiros nos que afondaremos sobre temáticas tan variadas como os foguetes, doces e lambetadas saudables, complementos celtas ou a música e o baile tradicional.