Senda Nova celebrará na Feira de Carballo o Día Forestal Mundial

2 minutes read

O día 21 de marzo, ademais de dar comezo a primavera, celébrase o Día Forestal Mundial. Coincidindo con esta xornada e con esta época do ano, desde Senda Nova veñen realizando hai máis dunha década plantacións de especies autóctonas a carón dos ríos, en lugares como o entorno da Férveda de Entrecruces, con escolares de diferentes centros de Bergantiños e a Terra de Ordes… Estas actividades, ademais de ter un marcado carácter simbólico e reivindicativo, serviron para repoboar zonas deterioradas de antiga presenza de especies autóctonas. Todas estas accións centráronse no que se denomina Día da Árbore,  e nos últimos anos só se deixou de realizar o pasado 2020, coincidindo co inicio do estado de alarma.

Estes Días da Árbore integráronse nas Xornadas de Interpretación dos Bosques, que pretendenderon sensibilizar e reivindicar a importancia das masas autóctonas no rural galego. Viaxes ás Fragas do Eume ou aos Ancares foron algunhas das saídas realizadas nestes anos, que se mesturaron coa proxección de filmes desta temática. Aínda así, as saídas máis significativas e numerosas durante estes anos realizáronse aos bosques autóctonos máis importantes das nosas comarcas. Sobre todo o bosque da Bérbia e o bosque da Ribeira da Pena, dúas masas en regresión e en perigo alarmante de desaparición por factores intensos como a tala e posterior plantación de eucaliptos.

Este ano Senda Nova quere voltar a celebrar o Día forestal Mundial e, desta vez, dende a propia Feira de Carballo. Un mercado intensamente ligado ao comercio local e de proximidade. Un espazo seguro coas mellores ofertas de produtos autóctonos e mellor calidade. Será desde o día 21 ata o 28, e así coincidir co mercado dominical.
Aproveitarán para difundir o último número da revista Abrindo Camiño e tamén para, grazas ao Concello de Carballo, realizar o reparto dun bo número de Carballos para plantar, dispostos á conquista de antigos espazos.