Senda Nova presentou o 8º Outono en Marcha

1 minutes read

Foi no Espazo da Natureza de Oza, onde se deron a coñecer os pormenores deste programa de actividades que ano tras ano sae adiante para percorrer e dinamizar diferentes rutas deseñadas para poñer en valor e coñecer o patrimonio local máis achegado.

Durante a presentación fixose un pequeno percorrido oral a través de cada unha das seis rutas que se van a desenvolver durante os próximos meses de outubro e novembro, e tamén sobre as actividades paralelas que se van a levar a cabo no propio Espazo da Natureza de Oza e que van incluidas neste programa como son os “xoves de filmes” e os “venres de encontro con activistas” e que se desenvolverán ditos días ás 19:00h no ENO.

Un ano máis, as camiñatas percorrerán os camiños e corredoiras bergantiñáns durante os domingos de outubro e novembro, en xornada completa. Durante estos percorridos tentarase sacar o máximo partido e información a cada un dos puntos de interese polos que se pasa, camiñar xuntos, disfrutar da paisaxe, comer en grupo e tentar pasar unha xornada diferente de aprendizaxe e convivencia.

O acto contou tamén coa presenza de membros de diferentes asociacións e entidades colaboradoras como son a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo, Concello de Laracha, Concello de Carballo e Plataforma en Defensa de Monteneme.