A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, e os representantes das organizacións sindicais, mantiveron unha reunión na que se abordaron as principais características da nova categoría de facultativo especialista en atención primaria.
No transcurso da xuntanza da Mesa sectorial, a Administración facilitou un documento no que se resolven diversas dúbidas suscitadas ao redor desta nova regulación profesional. A medida insírese dentro do conxunto de accións que o Servizo Galego de Saúde está a implementar para paliar o grave déficit de médicos de familia que se prevé durante os vindeiros 4 anos.
Os profesionais que accedan á nova categoría desempeñarán as súas funcións nas prazas vacantes dos centros de saúde, e tamén, seguindo o modelo actual de nomeamentos de continuidade, realizarán dúas gardas ao mes nos Puntos de Atención Continuada (PAC), sendo retribuídos de acordo ás condicións singulares da prestación.
A nova categoría permitirá atender as necesidades asistenciais por un tempo transitorio, sen que os médicos de familia dos centros de saúde se vexan obrigados a traballar nos PAC (e viceversa).
O Servizo Galego de Saúde, logo de aprobada a lei, continuará coa negociación dos diversos aspectos que afectan á nova categoría. Así, e como toda medida extraordinaria que se adopta por motivos conxunturais, a implantación da nova categoría revisarase cando as circunstancias o permitan.
Por outra banda, na xuntanza tamén se acordou a posibilidade que terá todo o persoal do Servizo Galego de Saúde e as súas entidades adscritas, de gozar dos días de libre disposición do ano 2021, até o 31 de marzo do ano 2022.