No primeiro dos casos varios particulares alertaron ao 112 Galicia contra as 3:30 horas deste martes dun lume nunha vivenda situada na intersección entre a avenida de Hércules e a rúa Ramón del Cueto. No interior, varias persoas pedían axuda e observábase unha importante fumareda, dúas foron evacuadas ao CHUAC e o lume queimou materiais na parte baixa da casa, de tres alturas.
Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros e da Policía Nacional e Local da Coruña.
Pouco despois das 4:20 horas, os bombeiros confirmaron que o lume estaba apagado e que arderan materiais acumulados na planta baixa da vivenda.
Trasladadas sete persoas logo dun incendio nunha das habitacións dunha residencia en Monforte de Lemos
Unha delas sufriu queimaduras, mentres que as outras seis foron evacuadas por inhalación de fume. Foi necesario o desaloxo de todos os residentes durante as tarefas de extinción e ventilación.
Pasaban escasos minutos das 8 horas deste martes cando un traballador dunha residencia localizada na rúa Morín, en Ribas Altas (Monforte), informou ao 112 Galicia de que saía lume dunha das habitacións do primeiro andar. Sacaran aos ocupantes da estancia e precisaban asistencia sanitaria.
Os bombeiros atallaron rapidamente as lapas e procederon coa ventilación das instalacións, mentres que as cinco persoas afectadas foron trasladadas ao Hospital de Monforte.
No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros e o Servizo Municipal de Protección Civil de Viveiro, así como os axentes da Policía Nacional e Local.
