Sete persoas feridas tras chocar catro vehículos en Cambados


Unha colisión múltiple entre catro vehículos, que circulaban pola VG4.3, á altura da rotonda de entrada á localidade, saldouse con sete persoas feridas, dous menores de idade. Varios usuarios da vía contactaban co 112 Galicia para informar do sinistro. Segundo a información recibida, un ferido parecía estar atrapado no interior dun dos turismos afectados.

Axiña, con estes datos, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento dos profesionais sanitarios, dos axentes de Tráfico, da Policía Local e dos Bombeiros do Salnés, que confirmou o uso do material de excarceración para liberar ao condutor dun dos turismos. Tamén, os Bombeiros e os voluntarios Protección Civil de Vilagarcía participaron no operativo. Unha vez no punto, os servizos de emerxencias confirmaron o traslado dos sete feridos ao respectivo centro sanitario de referencia.