O Club de Salvamento Acuático Laracha (www.clubsal.org), referente en Galicia na formación práctica e innovadora en salvamento e socorrismo, convoca a comunidade este venres 17 de outubro de 2025, a partir das 17:00 h, a presenciar un simulacro de rescate acuático con drons na praia de Caión, en colaboración coa empresa tecnolóxica Nordes Tech, especializada en drons e ROVs para seguridade marítima e operacións costeiras.
Sobre Nordes Tech
Nordes Tech combina innovación e coñecemento técnico aplicados á seguridade no mar. A súa división de drons de rescate e ferramentas de seguridade marítima permite intervir en emerxencias sen poñer en risco vidas humanas, especialmente en situacións con bandeira vermella, correntes perigosas ou rescates afastados da costa. Os seus drons poden detectar correntes, medir a súa intensidade e guiar as operacións de salvamento, mellorando a eficacia das intervencións. A tecnoloxía de Nordes Tech xa foi empregada por Policía, Garda Civil e Salvamento Marítimo, e mesmo demostrada en probas públicas, mostrando o seu potencial para aumentar a seguridade en praias galegas.
Sobre o Club SAL A Laracha
Desde o ano 2002, o Club SAL forma ás novas xeracións en salvamento e socorrismo deportivo, desenvolvendo un modelo educativo baseado na práctica, a inclusión e a excelencia. A súa misión é promover unha aprendizaxe que salve vidas, dende a infancia ata a idade adulta, fomentando o traballo en equipo, a igualdade e a responsabilidade social. O club aspira a ser un referente nacional na prevención de afogamentos e formación de socorristas, incorporando innovacións tecnolóxicas e accións sostibles que poñen en valor o patrimonio natural e humano da Costa da Morte.
Nesta actividade, os rapaces en formación poderán empregar os drons en situacións simuladas de rescate, nun exercicio que une tecnoloxía, adestramento e conciencia ambiental. A acción reflicte valores centrais do club como a solidariedade, a innovación e a igualdade de oportunidades, co apoio da comunidade e de empresas da Costa da Morte, como é o caso de Nordés Tech.