- A previsión é alcanzar a cifra de entre 60.000 e 90.000 participantes cando finalice o estudo, dentro dunhas seis semanas
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, presentou, xunto ao ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, os principais resultados provisionais do estudo nacional de epidemioloxía ENECovid19, correspondentes á primeira das tres ondas das que consta a investigación.
Segundo as primeiras conclusións, a prevalencia de anticorpos IgG anti SARS- Cov2 na poboación é do 5%, moi similar en homes e mulleres; sendo menor en bebés, nenos e en mozos e permanecendo bastante estable en grupos de máis idade.
Estes resultados son provisionais, corresponden aos test rápidos realizados desde o pasado 27 de abril a 60.983 persoas na mostra nacional. Non inclúen as outras 3.234 mostras tomadas no estudo específico insular.
A taxa de participación entre as persoas que puideron ser contactadas alcanza o 74,7% e a previsión é alcanzar a cifra de entre 60.000 e 90.000 participantes cando finalice o estudo, dentro dunhas seis semanas.
Pola magnitude da mostra, é un dos estudos destas características máis ambiciosos a nivel mundial, segundo coincidiron en destacar os ministros Illa e Duque. Deseñado polo Ministerio de Sanidade e o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) coa colaboración do Instituto Nacional de Estatística (INE) e as Comunidades Autónomas, permitirá coñecer cantas persoas están ou estiveron en contacto co virus, e saber se a inmunidade se mantén no tempo.
O ministro Illa insistiu en que era necesario ter este coñecemento preliminar para avaliar as decisións tomadas. Neste sentido, asegurou que o Goberno está a actuar na boa dirección e que o confinamento funcionou.
