Solta de oito exemplares de polos de píllara nas dunas de Baldaio

3 minutes read

A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto á directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, participou este luns na solta de oito exemplares de píllara nas dunas da praia de Baldaio. O obxectivo da iniciativa é que a píllara das dunas volva recolonizar o norte da provincia da Coruña onde se ten detectado un descenso da poboación nos últimos anos.

A delegada da Xunta destacou que as principais ameazas para estas aves son a destrución e alteración dos seus hábitats pola acción humana, como solta de cans nas praias ou a limpeza mecanizada dos areais, ademais, tamén lles afecta a predación por parte doutras especies, entre outras accións. Neste senso, Belén do Campo fixo un chamamento á cidadanía para que se respecte escrupulosamente as sinalizacións e carteis informativos instalados nas praias galegas onde aniña esta especie.

A solta desta enmárcase no plan de conservación da especie que está a desenvolver a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a súa recuperación pois trátase dunha ave clasificada como “vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Esta iniciativa lévase a cabo en colaboración entre España e Portugal a través de Interreg dentro do proxecto Iberalex. 

Todos estes exemplares foron criados en catividade no Centro de recuperación de fauna silvestre que a Xunta de Galicia ten en Oleiros (A Coruña) a partir de ovos recollidos na natureza. 

Os ovos recóllense na primavera e incúbanse no centro de recuperación, onde nacen as crías e pasan algo máis dun mes. A esperanza media de vida é de 3 ou 4 anos e a etapa reprodutiva comeza aproximadamente ao cumprir o primeiro ano.

Belén do Campo subliñou que no  último censo, realizado en 2024 na costa galega pola Universidade de Santiago de Compostela, a poboación nidificante foi de 86 parellas distribuídas nun total de 25 praias, a cifra máis alta rexistrada nos últimos 6 anos pero aínda lonxe do tamaño poboacional mínimo de 250 parellas que se estableceu como poboación viable para descualificala da súa categoría de “vulnerable”.

A actividade en Baldaio contou tamén coa participación dos encargados deste proxecto da Universidade de Santiago de Compostela,  Jesús Domínguez e María Vidal, profesor titular e técnica superior de investigación, respectivamente, do departamento de Zooloxía.

Características

A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) é unha ave limícola de pequeno tamaño, de entre 150 e 175 milímetros de lonxitude. A poboación española sitúase maioritariamente na costa mediterránea e en Andalucía, mentres que a poboación da costa cántabro-atlántica do norte foi desaparecendo ata atoparse unicamente nalgunhas zonas de Galicia.

Esta poboación galega nidifica principalmente entre marzo e xullo en praias non urbanizadas, polo menos non en toda a súa extensión, e provistas de cordón dunar ou supramareal con vexetación máis ou menos dispersa. No período invernal (entre setembro e febreiro) a súa distribución é máis ampla, e ocupa ademais zonas do intermareal lamacento-areoso e praias urbanas.

A delegada da Xunta informou que no ano 2024 recolléronse o 61 % dos niños abandonados polos proxenitores ou con risco elevado de perda por efecto das mareas, pero grazas ao programa de incubación artificial, destes niños naceron 36 pitos e conseguiuse que voasen 34. Desde o arranque deste programa, conseguiuse que voasen un total de 146 pitos.

A combinación de todas estas medidas permitiu que a produtividade das parellas pasase de 0,6 a 1 pito voado por parella, taxa que se atopa mais próxima ao obxectivo de 1,5 fixado no plan de conservación da especie como necesaria para asegurar a viabilidade da poboación galega.