- As persoas que dispoñan de entradas do festival de 2020 poderán conservalas para asistir ao Festival de 2022.
SonRías Baixas ven de activar na páxina web www.sonriasbaixas.info, a venda de entradas para o ciclo de concertos que se celebrará en Bueu do 3 ao 8 de agosto de 2021. A cita de referencia coa música máis enérxica e festiva do panorama musical contará este verán con Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, ISEO & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa no seu cartel.
Ao longo de seis xornadas, o dobre que en anteriores edicións, SonRías Baixas 2021 ofrecerá unha programación musical impregnada co espírito do festival, que apraza a súa edición de 2020 até o verán de 2022. Así, e coa intención de poder achegar unha experiencia festivaleira que garanta a seguridade do público e artistas durante a súa celebración, SonRías propón un programa de sesións nocturnas, con dous directos cada noite, como resposta ante o contexto sociosantiario actual e a normativa vixente en Galicia vinculada á celebración de eventos durante a pandemia da covid-19.
As entradas unicamente se poderán adquirir na web oficial do festival así como na plataforma dixital www.enterticket.es. O equipo do SonRías establecerá, nesta ocasión, tres tramos diferenciados de prezos (23, 26 e 29 euros) en función da disposición dos asentos preasignados no recinto, e cada un destes tramos corresponderase, fisicamente, cun espazo organizado co seu propio equipamento e circuíto de seguridade de prevención da covid-19.
Ademais, como en anteriores edicións, SonRías Baixas porá á disposición do público entradas para menores de 12 anos acompañados dunha persoa adulta responsable. Este tipo de ticket, cun prezo de 10 euros máis gastos de xestión, poderase seleccionar durante o proceso de compra no que se habilitará a descarga da autorización. Esta documentación deberase presentar, asinada, no momento de acceso ao recinto xunto á entrada.
