Sorte dispar para o Goldie e o Laber Xiria

2 minutes read
  • O Goldie Xiria Carballo Turismo vese superado polo Coreti Lalín 16-24, mentres o Laber Xiria se fai coa vitoria fronte ao Novás 38-24.

Comezaron mal as mozas do Goldie, encaixando un parcial de 1-4 en dez minutos que obrigaba ao técnico local a solicitar o primeiro tempo morto para tentar recolocar ao seu equipo. O cambio defensivo a 5:1 daba resultado a medias e é que se alternaban momentos de éxito defensivo e recuperacións de balón con erros non forzados ou fallos na definición. Aínda así, o Goldie Xiria Carballo turismo entraba nos últimos cinco minutos da primeira parte con opcións no electrónico (6-8), pero un parcial de 0-2 antes do tempo de asueto, establecía unha vantaxe cómoda para as de Lalín á espera do segundo acto (6-10).

Á saída de vestiarios repetiríase a historia e un novo parcial de 1-4 nos dez primeiros minutos deixaría moi costa arriba as cousas para as carballesas (7-14). As mozas do Xiria non se renderían, loitarían ata o último segundo e tentarían achegarse no marcador e meter presión ao seu rival con diferentes sistemas defensivos, pero estas manteríanse serenas e levarían o control e a situación, adaptándose aos cambios das bergantiñás e non deixándose sorprender.

Parecía, no meridiano deste tempo, que a defensa presionante do Goldie podía ser a ferramenta para unha posible remontada. Tres balóns recuperados de forma consecutiva achegaba ás locais a catro goles con moito por xogar, pero o Coreti Lalín repoñeríase enseguida e aumentaría de novo as diferenzas para levar os dous puntos en xogo.

O Laber Xiria supera ao Novás

Saíu moi centrado o Laber Xiria ao encontro e pronto acadou sensacións sobre a pista, primeiros minutos onde o 6:0 defensivo do Novás era incapaz de para o lanzamento exterior dos carballeses, pola súa banda a defensa con avanzado do Xiria poñía en dificultades o ataque rosaleiro e pronto apareceron as diferenzas no encontro, 9 a 3 aos 10 minutos. A relaxación do Laber e que o equipo visitante pechara mellor a defensa tras eses inicios desconcertantes, fixeron que pasásemos a maior igualdade no choque.

Segunda metade de igualdade en canto a xogo, e so nos derradeiros 15 minutos do encontro o Novás, vendo que o Xiria motivado polos cambios seguía a apremar na cancha, viuse superado e desbordado alcanzándose o final do encontro coa máxima distancia no marcador, 38 a 24 para os locais.