Nova vitoria no remate do ano para o Grupo Lemaco ‘A’ diante do Reconquista vigués, pola contra, o Grupo Lemaco ‘B’ viuse superado polo Lucense.
Iberconsa Reconquista Vigo 36 – Grupo Lemaco Xiria A 44 (19-23)
Partido de moitos goles e pouco rigor defensivo, si ben o Xiria intentou atallar o ataque do rival, cada acción convertíase en 7 metros en contra. Optou o equipo por unha defensa máis avanzada lonxe dos 6 metros, para de algunha maneira frear a sangría sufrida coas penas máximas.
Non tivo excesivos problemas no ataque, como vén sendo habitual, o Grupo Lemaco, rompendo o sistema defensivo do rival, penetrando polo centro da defensa e xogando incisivamente co pivote tras creas espazos.
Agora o parón do Nadal, sitúa o próximo compromiso para o 15 de xaneiro.
Balonmán Lucense 31 – Grupo Lemaco Xiria B 24 (16-9)
A lamentable labor arbitral dende o inicio do encontro dou ao traste con calquera opción para o Xiria e fixo do partido un pesadelo para os xogadores que a pesar de lo, non cederon durante os 60 minutos ante a adversidade.
A diferenza de aplicación do regulamento nas dúas áreas quedou de manifesto xa nas primeiras xogadas, castigando e sancionando ao Grupo Lemaco e permitindo todo tipo de golpes en defensa ao rival.
A diferenza de 7 goles ao descanso foi mantida polo Xiria ao non baixar os brazos e continuar xogando con intensidade ata o asubío final, algo que engrandece a estes noveles xogadores.
Partido, imaxe e sensacións para esquecer, recuperar forzas no Nadal e volver con gañas de xogar ao balonmán, que é do que se trata.