Supervisada a actuación realizada en Malpica dentro da orde de axudas destinada a Rede Natura 2000 de Galicia 

1 minutes read

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga e pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, visitaron este mércores o concello de Malpica  para supervisar a actuación realizada ao abeiro da orde de axudas destinada a investimentos para a conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural localizado na Rede Natura 2000 de Galicia. 

Concretamente, o concello de Malpica, que ten unha superficie do 22,09% de Rede Natura no seu municipio, recibiu unha achega de 30.000 euros para reparar as escaleiras que dan acceso á praia de Seaia. A actuación consistiu na retirada de todas as varandas de madeira existentes para a posterior colocación de novas varandas de madeira seguindo trazado e un deseño similar. Ademais, construíuse unha nova escalinata similar á actual na formulación, pero executada con bordos graníticos.

Belén do Campo puxo en valor que o ano pasado recibiron estas achegas 5 concellos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte (Malpica, Carballo, Corcubión, A Laracha e Cabana de Bergantiños) por un importe de máis de 105.000 euros e na provincia da Coruña 13 concellos por un importe de máis de 253.000 euros.