O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e os alcaldes de Trazo e Tordoia, Josefina Suárez e Eduardo Antonio Pereiro, visitaron a zona na que se levaron a cabo as obras de mellora da capa de rodaxe na estrada de Viaño Pequeño en Trazo ata o lugar de Campos en Tordoia. Esta actuación contou cun apoio de 50.000 euros da Xunta e supuxo un investimento total de máis de 245.000 euros. Esta obra permitiu mellorar a calidade de vida dos veciños garantindo a seguridade nun tramo de elevado tráfico tanto peonil como rodado. O representante do Goberno autonómico tamén puxo en valor o exemplo de colaboración destes concellos á hora de presentar un proxecto conxunto o que permite aforrar custes e ser máis eficaces no gasto público.
Trenor destacou o compromiso da Xunta por manter o apoio que precisan os municipios para levar a cabo actuacións que contribúan a mellorar a calidade dos seus veciños e, sobre todo, a paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria da covid-19 dos municipios en canto á prestación de servizos, e lembrou que a través desta orde de axudas no 2021 se financiaron 13 proxectos en 14 concellos da comarca de Santiago.