Supervisadas as obras de mellora da oficina agraria comarcal de Santa Comba

1 minutes read

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado da alcaldesa, María Pose, visitou a Oficina Agraria Comarcal de Santa Comba na que se está levando a cabo unha actuación de mellora integral que conta cun orzamento próximo aos 50.000 euros.
Entre as actuacións que se levarán a cabo destacan obras de acondicionamento e pintura, renovación da iluminación e da carpintería interior e reconfiguración dos vestiarios e aseos para os veterinarios que desenvolven o seu traballo nesta oficina.

Ademais, estase executando o trasdosado interior para a mellora da eficiencia enerxética do edificio e o mellor confort térmico dos seus usuarios, a implementación de peches de ventás corredoiras, a reparación de persianas, a demolición dun tabique e actuacións necesarias para a creación dunha zona de atención administrativa.