O autobús facía a súa ruta diaria de volta do colexio público de Gondomar con 15 alumnos no interior, nenos de entre 4 e 11 anos. Durante unha parada na parroquia de Morgadáns a coidadora percatouse de que saía fume do motor. O primeiro foi sacar os pequenos, que estaban moi asustados.
«Os nenos choraban moito», «Sacáronos a condutora e a monitora, que estaban moi alteradas as dúas.», comentan os veciños.
O autobús perdeu os freos e bateu contra o muro dunha casa. O propietario e outro veciño intentaron apagar o lume con mangueiras. «Se non é polos veciños que apagaron o lume aquí hai unha desgracia», di unha testemuña.
Cando chegaron os bombeiros o lume estaba practicamente sufocado. Só un neno de catro anos tivo que ser atendido por posible inhalación de fume.