Tega Carballo bota en falta axudas para autónomos e pemes por parte do Concello

1 minutes read
  • No pleno non puideron facer a batería de rogos e preguntas porque estas chegaron a última hora e, segundo o alcalde, precisaban de respostas precisas

Este luns o Concello de Carballo celebrou o seu primeiro pleno telemático, unha sesión na que participaron os 21 membros da corporación e onde foron aprobados todos os asuntos sen votos en contra.

Sen embargo, desde TeGa Carballo móstranse disconformes coa decisión do alcalde, Evencio Ferrero, de non responder aos rogos e preguntas que tiña preparado o partido para o pleno xa que, segundo o rexedor, a batería de preguntas non se recibiu ata última hora e non se puido recoller a información precisa. «Para nós soou a disculpa e a non ter moitas gañas de contestar as preguntas que non precisan moito soporte técnico», destaca o portavoz de Terra Galega, Andrés Eirís Barca.

Eirís tamén sinalou que, a pesar de ser o primeiro pleno telemático realizado pola crise do coronavirus, na orde do día non se tratou ningún punto para paliar os efectos da COVID-19 e botaron en faltan «axudas para micropemes, pequenas empresas, autónomos (comerciantes, hosteleiros…) como levamos dicindo desde que empezou esta crise».

Para TeGa, o grupo de goberno está en pausa ou de vacacións «pagadas» e Eirís lembroulle ao alcalde que «en verdade o pleno de maio tampouco se celebraría se non tivese que aprobar un plan económico -financieiro que lle obriga o Estado por incumprir a regra de gasto do 2019 por un importe de 1.987.448,76 €». O voceiro de Terra Galega di que é unha pena «que se poda tirar de remanente para isto e non para sacar liñas de axudas a pequenas empresas e autónomos por mor do coronavirus».