TeGa solicitará que os plenos de goberno en Carballo se retransmitan a través da web

1 minutes read
  • O grupo municipal pretende darlle un novo impulso á transparecia do municipio

Terra Galega (TeGa) levará a debate no próximo pleno no concello de Carballo a moción pola que pedirán a gravación e retransmisión dos plenos de Goberno, así coma das Mesas de contratación.

Con isto, o grupo municipal pretende dar un novo impulso á transparencia do concello, así coma á participación cidadá e á pluralidade informativa.

Desde Terra Galega manifestan que así como outros concellos fan públicas as actas das sesións plenarias, neste «só se publican, na páxina web, as partes das Xuntas de Goberno e dos Plenos que interesan ao Goberno».

Por todo isto, desde TeGa solicitarán que o alcalde, Evencio Ferrero, autorice a que se graven, de forma íntegra e en formato vídeo, todos os Plenos e as Mesas de contratación. Ademais, estes vídeos deberán ser retransmitidos a través da páxina web do concello cun servizo de transcrición.

Segundo TeGa, estas accións farán que o pobo de Carballo estea mellor informado e sexa partícipe do desenvolvemento do municipio.