Televés avanza na implantación da fábrica intelixente

2 minutes read

Trátase do proxecto CLAUDIIA (Collaborative Layer for Automation and Development of Industrial Innovative Approache), que a empresa está a desenvolver en colaboración co Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG).

O proxecto, dotado cun orzamento de máis de 3,87 millóns de euros ata 2022 e apoiado pola convocatoria de 2019 do programa de Fábrica Intelixente da Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía, Emprego e Industria cofinanciado co Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020

O proceso de dixitalización de Gamelsa pasa, entre outras accións, pola implantación co apoio do CTAG dun Xemelgo Dixital, un sistema virtual que representa a fábrica e favorece a optimización dos procesos aforrando tempo e consumos, anticipándose aos erros e simulando novos escenarios, por exemplo, antes de lanzar unha peza nova.

Segundo apuntou a directora de Gain, Patricia Argerey, este proceso de transformación da industria galega coñecido como Fábrica Intelixente ou Fábrica do Futuro ten unha grande potencialidade para o crecemento da economía e constitúe un dos factores clave para a competitividade do tecido empresarial galego.

Sinalou que o programa Fábrica Intelixente é o máis ambicioso co que conta o seu departamento para apoiar a I+D+i no ámbito da fábrica avanzada, e nel inclúense proxectos industriais innovadores liderados por PSA, Televés, FINSA, CUPA, COPO, Navantia, Borgwarner, Benteler, Albo e GAMELSA.

Este proxecto de desenvolvemento tecnolóxico experimental segue as premisas da Industria 4.0, xa que deseña, desenvolve e incorpora tecnoloxías facilitadoras da Industria do Futuro para conseguir unha factoría intelixente, e está aliñado coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3 Galicia), en concreto co reto 2, o modelo industrial da Galicia do futuro.

Gamelsa é unha empresa do grupo Televés especializada en procesos de mecanizado de chapa e tubo en todo tipo de materiais metálicos. Dado que os seus produtos son variados e de tiradas curtas, a aplicación dos conceptos da fabricación avanzada supón un aproveitamento dos recursos e a realización de produtos con maior grao de personalización. A empresa traballa fabricando para as empresas da súa corporación, pero sobre todo para terceiros, que representan o 70% da súa facturación. Con este proxecto persegue acadar unha posición de referencia no sector do metal.