- O alcalde de Muxía, Iago Toba, denunciará publicamente a aqueles que non respecten as normas e se comporten de maneira incívica
Esta semana comezaron na localidade de Muxía a limpeza e desinfección de todos os contedores municipais, pero os operarios que prestan este servizo estanse atopando con reproductores de música ou microondas que non deberían de estar nese tipo de colectores.
O alcalde, Iago Toba, sinalou nas súas redes sociais que non vai deixar «de denunciar publicamente a aqueles que se comportan de maneira incívica», sobre todo se poñen en perigo ás persoas que están traballando baixo o seu cargo.
O rexedor tamén destacou que a veciñanza está obrigada a coidar dos contedores e que neles non se tira cascallo, nin tampouco voluminosos como televisións, reproductores de vídeos ou microondas. «Hai un servizo gratuíto que agora pola situación está paralizado, pero que se volverá a activar», explicou Toba, quen aconsellou acumular estes elementos nas vivendas durante este confinamento. Ademais, o alcalde tamén lembrou que é unha obrigación tirar o lixo perfectamente embolsado.
Desde o concello farán un control na evolución da sucidade e mesmo chegarán a investigar e sancionar a aqueles que non cumpran coas normas.