Temerario destino do Fuenlabrada

3 minutes read

Dicía Moncho Fernández, adestrador do Monbus Obradoiro, único equipo galego na ACB, que o baloncesto é a cousa máis importante das cousas menos importantes. Esta sinxela premisa, extrapolable ao fútbol, ciclismo, balónmano ou calquera outra actividade deportiva, capaz de desatar lexitimas paixóns, resume de maneira excepcional como nos debemos manexar á hora de establecer prioridades. Deixando ao carón as xustas reivindicacións duns ou outros equipos que a defensa dos seus intereses leva implícita, non podemos perder a perspectiva correcta: a saúde, que é a cousa máis importante das cousas realmente importantes. Por ela pasa todo e en base a ela constrúese todo. Se non a temos, o demais empeza a perder sentido e todas as nosas accións van encamiñadas a preservala ou recuperala.

O doutor Vázquez Mourín, encargado de dirixir o laboratorio do hospital Quirón da cidade herculina mostrábase indignado ante a forma na que o equipo do Fuenlabrada afrontaba o partido de fútbol ante o Deportivo. Este encontro, ao ser o último do campionato e haber cousas importantes en xogo, debía disputarse o mesmo día e á mesma hora que os demais enfrontamentos entre os equipos implicados en descensos, promocións ou loita por gañar o título de Segunda división. Isto é norma xeral da liga para garantir a máxima equidade na competición. Debido a isto, o Fuenlabrada “forzou a máquina”. Antes de iniciar a viaxe á Coruña coñecíase a existencia de catro positivos, un xogador e tres empregados. Ao chegar á cidade galega chegou a confirmación de novos positivos, acumulando un total de oito. Tendo en conta que coa existencia de catro xa se pode considerar brote (definición científica), nese preciso instante, debeuse informar. Primeiro á Consellería de Sanidade da Comunidad de Madrid, e logo á liga, para despois cancelar a viaxe. Por se isto fose pouco, era máis que probable que o número aumentase, todo apuntaba nesa dirección co consecuente aumento do risco. E así foi. Estamos ante unha enfermidade (Covid 19) de declaración obrigatoria, a cal debe comunicarse á maior celeridade para poñer en marcha os protocolos pertinentes, en aras de protexer á poboación, e aos propios contaxiados. Isto é, de xeito evidente, o máis importante, e ante isto, calquera competición, partido ou espectáculo pasa a un segundo plano. O Fuenlabrada cometeu unha imprudencia grave ao viaxar, saltándose todos os protocolos do Ministerio de Sanidade, cuxa norma debe prevalecer por encima doutras (clubs, competición) e poñendo en risco non só á cidade da Coruña e os seus habitantes, senón tamén a toda a provincia e comunidade autónoma por extensión.

Convén destacar que a imaxe que se crea ante esta situación é a de que os futbolistas e os equipos están por encima do ben e do mal, cando estes deben ser exemplo para a sociedade e ter un comportamento exemplar. Aínda que a responsabilidade nesta actuación é de quen os obriga a viaxar e de quen, a propósito do risco, consente. Sen dúbida haberá que chegar ao fondo do asunto e depurar responsabilidades. Se o Fuenlabrada ocultou a información dos positivos, é responsable. Se a liga sabíao e non o comunicou estaría presuntamente incorrendo nun delito contra a saúde pública. Sexa quen sexa o responsable ou responsables deben coñecerse e estes asumir as consecuencias. Situacións como esta non poden baixo ningún concepto volver repetirse e a saúde da cidadanía debe primar sempre. Permaneceremos atentos aos próximos acontecementos, xogámonos a saúde de todos. Os intereses económicos de clubs, televisións, liga, etc, nunca poden provocar estes riscos para a poboación sexa no lugar que sexa. Erros de leste calibre ademais de poder causar perdas humanas, tamén carrexan situacións desagradables de posibles confinamentos, peches ou volta atrás nunha situación que por irresponsabilidade duns pagamos todos.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO