Do mesmo xeito que ocorrera nas dúas edicións anteriores dos anos 2017 e 2018, o equipo de Melide formado por Xesús Ferreiro e Xavier Anido volvía vencer na quinta edición do Rallye Rías Altas Histórico, última cita puntuable para o Campionato de España de Rallyes Históricos na categoría de Velocidade e que este ano era tamén válido para o Circuíto European Rally Historic, un campionato continental que trata de combinar o deporte co turismo.
A proba disputouse ao longo da xornada deste sábado con catro tramos cronometrados a dobre pasada, comezando a mañá coas especiais de Doroña e Monfero e onde Ferreiro e Anido, coa súa Ford Escort RS 2000 MKII da categoría Pre 81, vencían nos catro disputados polo que chegaban ao reagrupamiento de Betanzos cunha renda de máis dun minuto sobre o segundo, que neste caso era un BMW da categoría Pre 90, en realidade mecánicas máis evolucionadas que as do equipo de Melide.
O rallye púxose tamén moi pronto de fronte polos problemas do Subaru Impreza de Toño Sainz-Javier Martínez- Cattaneo e do abandono do Peugeot 309 GTI de Manuel Muniente-Borja Rozada. Ferreiro tampouco daba tregua pola tarde e seguía marcando un bo ritmo nas dúas pasadas por Irixoa e Aranga, deixando unicamente escapar o mellor tempo no segundo deles, que gañaba Sainz.
Así, Xesús Ferreiro e Xavier Anido lograban a súa terceira vitoria consecutiva no Rías Altas Histórico nunha tempada na que non participaran ata o momento en ningunha proba do Nacional de Históricos, pois este ano non seguiron o certame. Ademais, o equipo do Ford Escort RS 2000 MKII impoñíase no Circuíto European Rally Historic, redondeando así unha gran actuación e sendo unha vez máis o máis rápido ante coches e mecánicas moito máis evolucionadas.