- O próximo venres representarase ‘Liberto’, de Rebordelos S.L.
O auditorio do centro cívico de Malpica acolleu este venres a obra ‘Os nenos da varíola’, da compañía teatral Pérez&Fernández, unha adaptación da novela de María Solar na que os asistentes se puideron achegar á vida dos nenos da Casa de Expósitos da Coruña, que se converteron en heroes da Real Expedición Filantrópica da Vacina.
Esta función enmárcase dentro da Mostra de Teatro de Malpica, e a próxima cita terá lugar este venres 19 coa representación de ‘Liberto’, de Rebordelos S.L. A protagonista desta historia é Ada, unha moza que relata, a través dun texto teatral, o nacemento do seu fillo.
A función comezará ás 20:30 horas e o aforo será limitado, polo que as persoas interesadas deberán reservar a súa entrada enviando un correo electrónico a auditoriodemalpica@gmail.com indicando o espectáculo que desexan ver e os seus datos persoais (nome completo, DNI e contacto).