Tras o esperpento político de Ponteceso, agora Muxía

2 minutes read

Cando nos parecía que xa tíñamos todo visto logo de poder seguir as iniciativas e conseguintes resultados das personas electas polos veciños e veciñas de Ponteceso para a xestión e gobernanza do seu Concello, pois estabamos equivocados. O xeito de facer política por parte da oposición de Muxía vai por un camiño semellante, senón peor.

Muxía celebou este xoves un pleno cunha proposta de gasto de remanente de máis de 800 mil euros. A oposición de Muxía, conformada polos grupos políticos PP, BNG e ‘tránsfugas’, bloquearon a proposta do grupo de goberno que pretendía crear unha escola infantil, melloras en infraestruturas e fomento de emprego, entre outras cousas.

Unha proposta moi esperada e aplaudida pola veciñanza que recibiu na porta do edificio consitorial aos tres compoñentes da executiva, formada por Iago Toba, Javier Romar e Olalla Benllloch, entre aclamacións e mensaxes de ánimo.

Sandra Vilela, portavoz do grupo popular, presentou en nome do resto de compañeiros da oposición presentes na sesión, unha enmenda a dita modificación orzamentaria que foi aprobada e apoiada polo resto de forzas da oposición e contou cos votos en contra do PSOE.

Unha manobra, en palabras do alcalde, que “reflicte a cohesión das distintas forzas teoricamente progresistas e as conservadoras para negarlle ao pobo o que é do pobo”, e lamentou a “falta de miras” por parte da oposición para coartar a un goberno “conformado por tres persoas” e que só ten como obxectivo “o interese xeral da veciñanza.”

A modificación de crédito plantexada polo equipo de goberno, contaba cun orzamento total de preto de 900.000 euros, e tiña varios proxectos de relevancia para o municipio como a creación dunha escola infantil ou o compra de subministros para o arranxo de vías e pistas.

Tras a negativa dos grupos da oposición, o alcalde amosou a súa “decepción”, porque este era un “proxecto pensado por e para toda a veciñanza muxiá. A pesar diso, ninguén nos vai a quitar nin a Olalla, nin a Javier, nin a min, as ganas de seguir loitando polo beneficio e polo progreso de Muxía”.

Outras cuestións

Noutro dos puntos do día, foi aprobado o recoñecemento extraxudicial de crédito cos votos a favor do PSOE e BNG e abstención do PP e os non adscritos. Tamén foi aprobada por unanimidade a proposta de gasto plurianual e a incorporación ao inventario de bens de predios cedidos pola Consellería de Medio Rural.

O executivo continúa apostando polo “traballo por e para a veciñanza, a pesar de atopar no bloqueo da oposición un escollo que superamos con esforzo, traballo e adicación”, destacan. “Estabamos seguros de que este era un proxecto de futuro e moi beneficioso para Muxía e, a pesar de ter que gobernar en minoría, quédannos moitas ganas e forzas para seguir adiante con proxectos e ideas que melloren o noso municipio”, sinalou o rexedor.