O último debate das eleccións galegas será en RTVE o día 14 de febreiro. Ana Pontón, candidata do BNG, e José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSOE, confrontarán a só tres días da cita coas urnas. Non estará o candidato do PP, Alfonso Rueda, porque declinou participar, nin ningún outro representante do seu partido. Tampouco estarán Podemos, Sumar e Vox porque a Xunta Electoral rexeitou os seus recursos e avala a decisión de RTVE de facer un debate cos partidos con representación parlamentaria. Será en horario de máxima audiencia e poderase seguir por TVE en Galicia e pola Canle 24 horas, RTVE Play e Radio 5 para toda España.
A pesar de comprometerse a estar, os populares deciden deixar baleiro o seu atril na cita proposta pola corporación pública estatal de RTVE, tal e como fixo Feijóo nas eleccións xerais. A xefa de campaña, a secretaria xeral Paula Prado, asegurara que acudirían a todos os sitios onde os convidasen porque “o PP non se esconde”, pero con esta negativa empezou a facelo. Por tanto, no estudo de Radiotelevisión Española estarán só os cabezas de lista do BNG e PSOE.