Xornada accidentada en Dumbría, cunha motoserra e unha caída

1 minutes read

O home quedou inconsciente tras esvarar e caer nas rochas na zona da Pasarela da Cascada do Ézaro, en Dumbría. Así o relataba o alertante que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda, indicaba que o home parecía estar inconsciente. No transcurso da chamada, outros particulares tamén informaban ao 112 da caída dun varón nas rochas da Fervenza.

Con estes datos, os xestores do 112 avisaron decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros de Cee. Así mesmo, foron informados os axentes da Garda Civil, os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e os socorristas da zona.

Finalmente, unha vez no punto, os Bombeiros explicaron que non fora necesario facer uso dos medios de rescate, iso si, colaboraron co persoal sanitario para trasladar ao paciente ata a ambulancia, que o trasladou ao centro hospitalario de referencia. 

Accidente cunha motoserra

Tamén este mércores, os servizos sanitarios informaban ao 112 Galicia da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago para un domicilio particular, no lugar de Vilar, en Olveiroa, no concello de Dumbría, por mor dunha persoa que sufrira un corte cunha motoserra na súa casa.

Nada máis recibir a chamada, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento da Garda Civil, dos Bombeiros de Cee e de Protección Civil da localidade.

Finalmente, tras as primeiras valoracións ao paciente por parte dos profesionais sanitarios, a persoa puido ser trasladada nunha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.