Mañá axitada este martes no PAC de Carballo tras a alerta pasada sobre as 11 horas para asistir a un home de mediana idade que fora atacado por un enxame de avespas velutinas na zona do Muíñodo Quinto. O 112 Emerxencias Galicia coordinou o envío do helicóptero medicalizado con base en Santiago. Tras tomar terra a aeronave, o equipo médico desprazouse en ambulancia ao PAC onde a vítima estaba a ser atendida en primeira instancia. Unha vez estabilizado o home no PAC, a ambulancia trasladouno ás proximidades do helicóptero, por medio do cal foi evacuado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Garda Civil, Policía Local e Protección Civil colaboraron activamente no dispositivo de coordinación de medios.
Heliporto
Cabe destacar a necesidade dunha sinalización acorde da zona utilizada como heliporto, o helicóptero á súa chegada tivo que facer varias manobras en intentos de aterraxe fóra do lugar. Membros do 061 desde terra trataban de indicarlle a localización correcta cando xa sobrevoaba a moi baixa altura, e que cunhas condicións meteorolóxicas adversas pode ser perigoso para o dominio do propio aparello. Un sinal marcado no chan, unhas simples balizas delimitando o punto ou unha manga de vento (anemoscopio), contribuiría sen dúbida a unha maior eficacia á hora dunha aterraxe, algo moi importante cando os segundos contan en favor de salvar vidas.
