Tratados case 140.000 quilos de residuos sanitarios durante a terceira onda da pandemia

2 minutes read

Desde o pasado 11 de xaneiro e ata o 11 de marzo, Sogama tratou no Complexo Medioambiental de Cerceda un total de 138.960 quilos de residuos sanitarios de baixo risco procedentes de centros adscritos ao Sergas.

Esta é a terceira ocasión na que o Servizo Galego de Saúde solicita a Sogama a prestación deste servizo, para completar e apoiar o traballo que realizan as instalacións encargadas expresamente do tratamento desta tipoloxía de refugallos (buzos, luvas, máscaras desbotables e asimilables).

A operativa disposta para o tratamento das case 140 toneladas de refugallos sanitarios de baixo risco foi a mesma que a empregada na primeira e segunda onda, polo que estes refugallos son triturados e acondicionados para convertelos nun combustible CDR, que é valorizado enerxeticamente na planta termoeléctrica a máis de 850ºC, temperatura que permite eliminar, coas máximas garantías medioambientais, patóxenos e outros axentes nocivos, grazas á posta en marcha dunha planta específica e provisional, que funciona de forma independente á dos urbanos, con persoal específico que se rexe por horarios diferentes ao resto de traballadores da planta de Sogama, dispoñendo igualmente de vestiarios e zonas de descanso independentes a fin de minimizar o risco de contaxios.

Cómpre recordar que na primeira onda (entre o 21 de abril e o 21 de maio) e na segunda onda (do 23 de novembro ao 18 de decembro), a entidade dependente de Medio Ambiente, seguindo as instrucións ditadas no seu momento polo Ministerio de Sanidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica, e contando coa autorización administrativa da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, xa tratou 134.800 quilos de residuos destas características.

Sumando os tres períodos de máxima incidencia do coronavirus, Sogama eliminou 273.760 quilos de residuos sanitarios de baixo risco. Deste xeito, evitou o seu depósito en vertedoiro, unha opción, a menos recomendable, da que tiveron que facer uso aquelas comunidades que non dispoñen de plantas de valorización enerxética de alta eficiencia.

Se ben o Goberno central contempla como tratamentos para esta fracción de residuos a valorización enerxética e o vertedoiro, dá preferencia á primeira, toda vez que verter estes residuos supón un risco para o medio ambiente e a saúde pública de primeira magnitude.