Trece persoas quedaron feridas na mañá deste luns en Mallorca ao caer por un terraplén duns dous metros de altura e envorcar o autocar en que viaxaban medio cento de turistas do Imserso.
Segundo informaron fontes do servizo de emerxencias sanitarias 061 e da Garda Civil, seis persoas foron evacuadas a centros médicos: cinco con feridas leves ao hospital de Manacor e unha con lesións graves que foi levada en helicóptero ao hospital Son Espases de Palma.
Outros sete viaxeiros sufriron feridas leves das que foron atendidos no lugar dos feitos, e o resto dos ocupantes do vehículo, 40 pasaxeiros e o condutor, resultaron ilesos.
O accidente produciuse ás 10:00 horas no quilómetro a estrada entre Sant Lloreç e Son Servera (Ma-4030) en circunstancias que investiga a Garda Civil, aínda que, en principio, descartouse a intervención doutros vehículos.
Fontes do instituto armando detallaron que o condutor do autocar deu negativo nas probas de alcol e drogas ás que foi sometido.
O 061 desprazou ata o lugar seis ambulancias de soporte vital básico, catro de soporte vital avanzado, un vehículo medicalizado de transporte colectivo, un helicóptero e un hospital de campaña.