Tres profesoras italianas participan en Caión nun proxecto Erasmus+

2 minutes read

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Educación, Patricia Bello, recibiron a tres mestras da escola siciliana I.C. “E. De Amicis” da localidade de Tremestieri Etneo que participan no CEIP de Caión nunha experiencia de observación do posto de traballo dentro do proxecto Raíces para medrar, ás para voar que se desenvolve a través do programa Erasmus+. A directora do centro italiano, Tiziana Palmeri, e as profesoras Agata Santagati e Inés Torrissi, estiveron acompañadas por José Roca, o director do colexio de Caión.

A súa estancia no termo municipal da Laracha comezou o pasado 30 de novembro e prolongarase ata este sábado, 6 de decembro. O obxectivo é coñecer de primeira man o funcionamento diario do colexio de Caión e achegarse á realidade cultural, social e educativa da localidade. As docentes sicilianas están a descubrir as tradicións, a gastronomía, a música e o baile galego, un achegamento que lles permitirá elaborar unha guía turística que completarán posteriormente coas singularidades da súa propia terra.

Durante estes días teñen a oportunidade de mergullarse no labor innovador que se desenvolve no CEIP de Caión, especialmente no proxecto de Persoal Docente Investigador Mens sana in corpore sano, un programa baseado en laboratorios experimentais que funcionan de forma semanal e que abranguen ámbitos tan diversos como o Laboratorio Literario, Deseño-STEM, Audiovisuais, Drama, Artístico e de Danza e Movemento.

As profesoras italianas tamén están a coñecer actividades do día a día do alumnado, como o obradoiro de Xogos Populares que se desenvolve cos cursos de 5º e 6º de Primaria, o funcionamento do Coro Escolar e outras propostas que forman parte da vida educativa do centro. Esta inmersión permítelles comprender como se articula unha escola que aposta pola participación, a creatividade e unha formación completa do alumnado.

José Roca expresou que é un motivo de orgullo que esas iniciativas do centro de dirixe susciten interese noutras comunidades europeas e se convertan nun exemplo de aprendizaxe compartida.

O Concello valora moi positivamente este intercambio, que reforza a proxección exterior do colexio e sitúa Caión como un lugar aberto ao diálogo cultural e ao intercambio pedagóxico. Visitas como esta contribúen a tender pontes, compartir experiencias e mostrar ao mundo o traballo que se realiza día a día no colexio para a educación e formación do alumnado nun esforzo colectivo que gaña aínda máis significado cando esperta o interese doutras comunidades educativas europeas.