A alerta activouse minutos antes das tres da tarde deste mércores, varias persoas contactaban co 112 para informar dun incendio no terceiro piso da parte esquerda (visto desde a rúa) do edificio número 15 da céntrica rúa Valle Inclán.
En principio non houbo que lamentar feridos, pero si varios sustos debido á gran cantidade de fume que desprendía o incendio e a caída de cascotes á propia rúa, chegando mesmo a esnaquizar o toldo dun local de hostalería situado na planta baixa do edificio e que curiosamente hoxe estaba pechado.
No amplo dispositivo colaboraron a Garda Civil de Carballo, a Policía Local, os bombeiros do parque comarcal e o 061.
En poucos minutos a rúa estaba cortada e os corpos e forzas de seguridade coordinando a evacuación dalgúns veciños, ademais de varias dotacións de bombeiros que desde o camión escaleira plantáronlle cara ao lume mangueira en man.
Ao lugar tamén acudía unha ambulancia do 061 que atendía a algún veciño por unha posible inhalación de fume e crise nerviosa.