Tres Yacarcross entre os cinco mellores no Autocross O Castro

1 minutes read

A segunda proba do Campionato de Galicia de Autocrós disputábase o pasado sábado 8 de xuño no circuíto do Castro, no municipio coruñés de Rianxo. Ata alí acudían oito pilotos cos Yacarcross para participar na categoría Car Cross. Darío Calviño e Javier Ramilo clasificábanse en terceira e cuarta posición nos adestramentos oficiais, o que lle valía a Darío para gañar a primeira semifinal e onde Daniel Remuiñán finalizaba cuarto. Na outra semifinal, Ramilo situábase segundo e Diego Pandelo cuarto, pasando todos eles á final xunto a José Domínguez e Iván Prieto, este desde a manga de repesca.

Aínda que Darío Calviño arrincaba mellor, na primeira curva víase superado polo que posteriormente sería o gañador da carreira e, aínda que o tentou, tívose que conformar coa segunda praza mentres Javier Ramilo remontaba ata a terceira e Diego Pandelo ata a quinta nunha carreira que tamén remataban Iván Prieto e José Domínguez, algo que non podía facer Daniel Remuiñán.