O azar ou o destino, obrou que o sueco Czerapowicz, ex Andorra, exercese de brazo executor ante os seus antigos compañeiros, anotando a última canastra do partido a 1,8 segundos do final. Balón de partido que establecía o 75-73 final no electrónico. Aínda quedou tempo para un último intento de tres andorrano da man de Jelinek, perfectamente punteado e taponado por Kravic. Cuarta vitoria, segunda consecutiva dun Obradoiro que navega cara a augas máis calmas, saíndo momentaneamente dos abafos de abaixo. Iso si, outra vitoria agónica, extenuante, de taquicardias, ante un durísimo e moi físico Morabanc Andorra.
O partido comezaba o sábado ás 20.30 h co aplauso unánime da bancada de Sar ao seu ex xogador, quen hoxe viste a elástica andorrana, Nacho Llovet. Tributo en forma de ovación de gala coa que a afección local adoita premiar aos seus ex, máxime se dun xogador tan querido como o catalán se trata. Tras un triplo inicial de Magee, espellismo no inicio do cuarto, respondía Andorra cun parcial de 0-13. Os visitantes superaban aos galegos unha e outra vez, penetracións, contraataques e establecíanse as primeiras brechas no marcador, 5-17, minuto 6. Obra encomendouse ao lanzamento de Magee (6/11 triplos) pero Andorra seguía con boas lecturas e canastras fáciles, 19-24, minuto 10. O segundo cuarto comezou de igual maneira que o primeiro. Andorra seguía ao seu e Moncho Fernández reaccionaba coa segunda unidade, máis física, tratando de contrarrestar o empuxe dos de Ibón Navarro. Cun parcial de 11-0 Obra remontaba, 32-31, minuto 15. Andorra reaccionaba e nun visto e non visto volvía dominar claramente o marcador. Da man dun sobresaliente Diagne, 18 puntos e 30 de valoración, levaba o partido ao ecuador con 38-42 para os do Principado. Na segunda metade o equipo compostelán foi capaz de subir o nivel físico, adaptándose ao que o partido esixía. Xunto co dominio do rebote, 35 locais por 33 visitantes, sobre todo o ofensivo, maior número de asistencias e acerto no triplo, o partido decantouse para os locais. Terceiro cuarto onde Magee e, “todo decoro” Muñoz, poñían por diante ao Obra, 45-44, minuto 24.
Outra vez Andorra contrarrestou a vantaxe nun airiño. Un cuarto moi físico con defensas duras que acababa con canastra de Spires in extremis e 53-57 no marcador. Último cuarto e o partido que estaba onde Andorra quería. Con todo Obradoiro continuaba defendendo e reboteando. Czerapowicz, igual que ante Manresa, capturaba rebotes importantísimos. Ademais anotaba o triplo que volvía empatar o partido, 71-71, minuto 38. Todo por resolver en 2 minutos e aí, Obradoiro, foi mellor. Massenat fallaba os seus dous tiros libres e todo se resolvía nun trepidante final. Penetración errada de novo por Massenat e rebote ofensivo para Diagne, ben defendido, que se perdía por liña de fondo. Balón para Obradoiro vía instant replay, onde se aprecia claramente que é o xogador andorrano o último en tocar o balón. O show de Czerapowicz consumaba a vitoria galega coa súa penetración e canastra. Abrandado colchón de vitorias para un outrora necesitadísimo Obradoiro que xogará a próxima xornada na Fonteta ante o Valencia. Melloría anímica, de xogo e un refacho para consolidar en terras levantinas para tratar de traer unha nova vitoria.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO