Tropezo do Calvo Basket Xiria en Betanzos (87-67)

1 minutes read

Mal comezo do Calvo Basket Xiria, nun partido, que xogou este domingo ante o Santo Domingo de Betanzos, vital para confirmar a permanencia o antes posible. Pola contra o Santo Domingo saíu dende o inicio moi concentrado, con moitas gañas, pelexando e cun gran acerto dende as triplas (_10 de 20 na primeira parte_). O marcador nese primeiro tempo rematou cunha gran diferenza de 20-5, e o Calvo Basket Xiria “noqueado”.

O segundo parcial (30-16), case peor que o primeiro, ao Betanzos semellaba que lle saía todo á perfección e os carballeses carentes de xogo e ideas. Custáballe anotar e facer un basquet coma de costume, a cada minuto que pasaba a diferencia no marcador medraba e non era capaz o Xiria de parar o xogo dos locais. Ao descanso o marcador reflectía un 50-21 e a segunda parte por xogar.

Pero tras o descanso, aí apareceu o Calvo Basket Xiria que coñecemos, con ideas, esforzándose en defensa, valente e xogando ao baloncesto. Pero non era suficiente, xa que o Santo Domingo seguía moi metido no partido e xestionando a gran diferenza obtida.

Xa no último tempo, moi similar ao terceiro, o xogo empezouse a parar moito por faltas. Moi permisivo o equipo arbitral, non estiveron moi acertados e nas xogadas polémicas sempre saía o Basket Xiria perdendo. Finalmente a pesar de gañar este último parcial (19-23), o partido caía a favor dos betanceiros por 20 puntos de diferenza, 87-67.