O festival Play-Doc de Tui iniciou a súa 17ª edición, que se desenvolverá ata o 26 de setembro e coa que recupera o seu carácter e proxección internacional na difusión do xénero documental a través dun intenso programa de proxeccións e diversas actividades complementarias. Para esta nova entrega volve contar co apoio económico da Xunta de Galicia como un dos 14 certames subvencionados este ano a través da convocatoria de axudas a festivais do sector audiovisual.
Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), participou na inauguración celebrada no Teatro Municipal de Tui para deixar testemuño da colaboración continuada da Xunta de Galicia con este festival e da aposta do Goberno Galego polo sector, reforzada coa posta en marcha do Hub audiovisual. No acto tamén interviñeron os representantes do resto das institucións implicadas xunto con Ángel Sánchez e Sara García, codirectores dun encontro que nos seus 17 anos de traxectoria se ten convertido en referente da promoción cinematográfica no seu ámbito.
Como en edicións anteriores, o Play-Doc atópase entre a listaxe de festivais audiovisuais subvencionados a través da liña específica de apoio que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantén desde 2014 e que este ano foi reforzada ao abeiro do Plan de reactivación do sector cultural. A convocatoria de 2021 contou cun orzamento de 200.000 euros, un 5% máis que en 2020, consolidando deste xeito a tendencia ascendente dos últimos anos. Introduciuse, ademais, unha serie de novidades nos criterios de valoración para ter en conta a aposta dos festivais por manter a súa celebración o ano pasado e estimando igualmente a proposta de accións específicas para o medio dixital.
A pesar do seu formato reducido para se adaptar ao contexto sanitario, o festival organizado pola Asociación Cultural Enfoques recupera a súa dimensión internacional, programando a primeira retrospectiva que se lle dedica ao veterano documentalista estadounidense de orixe alemán Manfred Kirchheimer e dedicando outra das súas escolmas á cineasta norteamericana Bette Gordon. Ambos viaxarán por primeira vez a España para presentar os seus traballos en Tui. De feito, a peza Colossus on the river, de M. Kirchheimer, foi a proxección escollida para a inaugurción de Play-Doc 2021.