UCIN denuncia ‘silencio e falta de transparencia do alcalde de Ames’ ante as recomendacións da Valedora do Pobo

2 minutes read

A Unión de Ciudadanos Independientes de Galicia (UCIN Galicia), a través do seu coordinador autonómico, José Luis Calo, manifesta publicamente a súa preocupación pola «actitude de opacidade e falta de resposta do Concello de Ames, encabezado polo alcalde Blas García«, ante as reiteradas comunicacións e requirimentos da Valedora do Pobo de Galicia.

UCIN afirma que, segundo se recolle no escrito oficial emitido pola Valedora G. 6 Q/12890/24, o Concello de Ames mantén unha actitude de silencio e incumprimento das recomendacións formuladas pola institución autonómica en relación ás queixas presentadas por veciños e veciñas do municipio. No documento, a Valedora indícase que se viu “obrigada a recordar ao citado concello o seu deber de responder”, ante a falta de colaboración e o atraso inxustificado por parte da administración local.

Desde UCIN Galicia «consideramos inadmisible que un goberno municipal ignore as canles institucionais de control e supervisión democrática, mostrando un comportamento que vulnera os principios básicos de transparencia, participación cidadá e boa administración», prosegue Calo.

“É intolerable que un alcalde se permita desoír ás institucións que velan polos dereitos da cidadanía. O silencio administrativo e político do señor Blas García é unha mostra clara de escurantismo e desleixo institucional”, declarou José Luis Calo, coordinador de UCIN Galicia.

“Ames merece un goberno transparente, que dea a cara e que respecte aos seus veciños e veciñas. Non se pode xestionar un concello dende o silencio e o desprezo institucional”, engadiu Calo.

“Desde UCIN Galicia non imos calar ante esta situación. Seguiremos reclamando que o Concello cumpra coas súas obrigas legais e responda á Valedora do Pobo como é debido”, concluíu.

UCIN Galicia esixe ao alcalde Blas García que abandone o escurantismo e dea resposta inmediata ás recomendacións e requerimentos da Valedora do Pobo, demostrando coas súas accións un compromiso real coa cidadanía e coa ética pública.