A dirección de UCIN Galicia celebrou este sábado unha reunión de coordinación e análise política centrada na situación actual da formación, o labor institucional desenvolvido nos concellos e a preparación da estratexia política de cara ás eleccións
municipais de 2027.
O encontro, encabezado polo seu coordinador, José Luis Calo, serviu para realizar un amplo balance do traballo realizado nos últimos meses e para establecer as principais liñas de actuación da organización nos vindeiros anos, cun obxectivo claro: consolidar e ampliar a presenza municipal da formación en toda Galicia.
Durante a xornada analizouse a situación organizativa de UCIN nas diferentes comarcas galegas, avaliando o proceso de implantación territorial, a coordinación interna e o fortalecemento das estruturas locais que permitirán afrontar con garantías os retos electorais que se aveciñan.
Outro dos asuntos abordados foi o seguimento da actividade dos representantes municipais da formación. A dirección destacou o traballo desenvolvido polos concelleiros de UCIN nos distintos concellos, poñendo en valor a defensa dos intereses veciñais e a aposta por unha política próxima, útil e centrada na resolución dos problemas reais da cidadanía.
No ámbito electoral, a reunión permitiu avanzar na planificación estratéxica das eleccións municipais de 2027. A formación traballa xa na ampliación da súa presenza en novos municipios e na configuración de equipos capaces de ofrecer alternativas sólidas e comprometidas co desenvolvemento local e coa mellora dos servizos públicos.
Ademais, UCIN Galicia acordou impulsar un novo calendario de encontros cidadáns por diferentes localidades galegas. Estas iniciativas de escoita activa terán como finalidade recoller de primeira man as preocupacións da veciñanza en cuestións como o acceso á vivenda, a seguridade cidadá, a mobilidade, o estado dos servizos públicos e o abandono institucional que denuncian numerosos barrios e vilas de Galicia.
Ao remate da reunión, José Luis Calo subliñou que “UCIN Galicia continúa medrando desde o municipalismo, escoitando aos veciños e construíndo unha alternativa política baseada na proximidade, a xestión e o compromiso co territorio. As eleccións
municipais de 2027 son un reto importante e estamos traballando desde hoxe para chegar a esa cita electoral cun proxecto forte, unido e preparado para seguir avanzando”.
A formación reafirma así a súa aposta por un modelo político centrado nos concellos, na participación cidadá e na defensa dos intereses dos galegos desde a proximidade e o coñecemento da realidade local.