O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, cargou con dureza contra o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras as declaracións realizadas polo titular de Sanidade en resposta ás denuncias dos xefes de Urxencias dos hospitais galegos.
Desde UCIN Galicia consideran “inadmisible” que a Xunta “trate de minimizar o malestar real e crecente” dos profesionais sanitarios, asegurando que “o problema da sanidade pública galega non é de planificación, senón de abandono político, falta de investimento e desprezo continuado aos traballadores do SERGAS”.
José Luis Calo foi contundente nas súas declaracións:
“Levan anos destruíndo pouco a pouco a sanidade pública mentres intentan vender propaganda institucional. Os profesionais están exhaustos, as Urxencias colapsadas e os pacientes sufrindo esperas indignas. A Xunta perdeu totalmente o contacto coa realidade sanitaria de Galicia”.
UCIN Galicia lembra que leva tempo reclamando unha sanidade pública “digna, humana e con recursos suficientes”, advertindo reiteradamente da falta de persoal, da precariedade laboral e da saturación existente nos hospitais e centros de saúde galegos.
A formación municipalista considera “un insulto” que desde a Consellería se convide aos profesionais a “falar onde hai que falar”, cando “son precisamente os sanitarios os que levan anos alertando da situación sen obter respostas eficaces”.
“Os médicos, enfermeiras e persoal sanitario non necesitan leccións de despacho nin campañas de maquillaxe política. Necesitan contratos estables, reforzos reais e unha Xunta que deixe de vivir de titulares”, afirmou Calo.
UCIN Galicia expresou o seu “apoio absoluto” aos coordinadores e profesionais das Urxencias hospitalarias galegas, destacando “a súa valentía por denunciar publicamente unha situación límite que afecta directamente á atención dos cidadáns”.
Finalmente, José Luis Calo esixiu ao Goberno galego “menos propaganda e máis solucións reais”, reclamando un plan urxente de reforzo da sanidade pública galega e responsabilidades políticas ante “o deterioro progresivo dun servizo esencial para todos os galegos”.