UCIN Galicia alerta dunha situación límite na AG-11: “Estamos ante unha neglixencia política que pon vidas en perigo”

2 minutes read

A AG-11 é unha das autovías autonómicas que rexistra máis entradas en sentido contrario, cinco foron os casos que se confirmaron no 2025.

O caso máis grave foi o que se rexistrou no tramo comprendido entre a ligazón de Te en Rianxo e a saída de Catoira no 2015, cando unha parella faleceu tras ser embestido o seu coche por outro vehículo que circulaba en dirección contraria.

A formación esixe unha intervención inmediata na autovía Padrón–Ribeira (AG-11) ante unha sinistralidade diaria que consideran absolutamente insostible. Denuncia que esta infraestrutura clave para a mobilidade da comarca deixou de ser unha vía segura e converteuse nun risco constante para os seus usuarios.


Segundo UCIN, a media de dous ou tres accidentes diarios na AG-11 é unha cifra inaceptable para unha autovía destas características. O estado do firme é claramente deficiente, con fochancas, gretas profundas e un desgaste extremo que reduce
gravemente a adherencia, provocando perdas de control, saídas de vía e colisións.
Os sinistros prodúcense ao longo de todo o trazado e en distintas franxas horarias, o que demostra que non se trata de puntos negros concretos, senón dun problema estrutural derivado do abandono e da falta de mantemento dunha vía pola que circulan miles de persoas cada día para traballar, estudar ou acceder a servizos básicos.


Desde UCIN Galicia lembran que esta situación non é nova. Arrástrase desde hai máis de tres anos e agravouse de maneira alarmante nos últimos seis meses. A pesar de que as administracións competentes son plenamente conscientes do problema, denuncian que optaron pola inacción, sen aplicar solucións reais nin priorizar a seguridade viaria.
“O que está a ocorrer na AG-11 é unha irresponsabilidade política grave. Non falamos dun fallo puntual nin dun accidente inevitable, falamos dunha neglixencia sostida no tempo que está a poñer en perigo a vida das persoas”, afirmou José Luis Calo, coordinador de UCIN Galicia.


“A seguridade viaria non pode seguir subordinada á pasividade institucional. Cada día que pasa sen actuar é un día no que se expón a cidadanía a un risco evitable”, engadiu.
UCIN Galicia esixe á Xunta de Galicia unha actuación inmediata e contundente, que inclúa a reparación integral do firme, un plan serio de mantemento e todas as medidas necesarias para garantir unhas condicións de circulación seguras. “Non se pode esperar a que ocorra unha traxedia para actuar. Protexer a vida das persoas que usan esta autovía a diario debe ser unha prioridade política absoluta”, concluíu Calo.