UCIN Galicia carga contra PSOE e PP por “converter as autoestradas galegas nun caixeiro automático para fondos estranxeiros”

2 minutes read

O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, denunciou este xoves que os sucesivos gobernos do PSOE e do PP “levaron Galicia a pagar durante décadas unha das autoestradas máis caras de Europa mentres fondos de investimento estranxeiros baten récords históricos de beneficios a costa dos petos dos galegos”.

Desde UCIN Galicia considérase “escandaloso e indignante” que a AP-9, principal vía de comunicación de Galicia, siga xerando beneficios millonarios para grupos financeiros internacionais mentres milleiros de traballadores, transportistas e familias galegas “teñen que seguir pasando pola caixa cada día para poder ir traballar”.
A formación sinala directamente aos gobernos centrais de PSOE e PP por “manter e blindar un modelo de concesión que converte Galicia nun negocio privado permanente”. Segundo denuncia UCIN, Audasa pechou o exercicio 2025 cun beneficio neto histórico superior aos 100 millóns de euros, mentres os peaxes continúan aumentando ano tras ano.

“Mentres o cidadán de a pé fai malabares para chegar a fin de mes, os fondos holandeses, suízos e canadenses repártense dividendos millonarios grazas a unha infraestrutura que xa foi pagada varias veces polos galegos”, afirmou José Luis Calo.
UCIN Galicia denuncia que detrás de Itínere e Audasa atópanse fondos internacionais como APG Asset Management, Swiss Life ou PSP Investments, que controlan non só a AP-9, senón tamén vías como a AG-55 e a AG-57. A formación considera “inaceptable” que infraestruturas estratéxicas galegas estean “ao servizo da especulación financeira internacional”.

A organización critica tamén os acordos asinados durante anos polos distintos executivos estatais, aos que acusa de “prorrogar concesións, aceptar subas continuas dos peaxes e utilizar cartos públicos para garantir os beneficios privados da concesionaria”.
“Primeiro venderon Galicia por anacos e agora pretenden que os galegos lles dean as grazas por bonificacións que en realidade saen dos impostos de todos. Isto é como convidarte a unha mariscada coa túa propia carteira”, ironizou Calo.
UCIN lembra que unha parte importante dos ingresos da AP-9 procede actualmente de bonificacións públicas financiadas polo Estado, un sistema que, segundo a formación, “socializa os custos e privatiza os beneficios”.
“É intolerable que o Estado siga inxectando millóns de euros públicos para asegurar a rendibilidade dun negocio privado controlado desde despachos de Holanda, Suíza ou Canadá. Nin no mellor percebeiro da Costa da Morte se atopa unha maré tan agradecida”, engadiu.

Desde UCIN Galicia esixen:

  • A eliminación definitiva dos peaxes da AP-9.
  • A recuperación pública da infraestrutura.
  • A auditoría completa das concesións e dos acordos asinados polos gobernos de PSOE e PP.
  • A publicación íntegra dos beneficios obtidos polas concesionarias e polos fondos estranxeiros.
  • O fin das prórrogas e privilexios ás empresas concesionarias.

José Luis Calo concluíu asegurando que “Galicia leva décadas sufrindo unha auténtica peaxe política imposta por Madrid, coa complicidade alterna de PSOE e PP. Os galegos non poden seguir financiando fortunas estranxeiras cada vez que pasan por un pórtico da AP-9”.