UCIN Galicia denuncia “abandono” nos servizos de emerxencias e apoia as reivindicacións dos GES

1 minutes read

A formación manifesta o seu firme apoio ás reivindicacións dos profesionais dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) tras as denuncias públicas sobre a falta de efectivos, peches de servizos e precariedade operativa en distintos puntos do territorio galego.
Tamén considera “extremadamente grave” a situación actual, na que, segundo denuncian os propios traballadores, existen quendas cubertas por un único efectivo, instalacións pechadas ou con limitacións horarias, e unha evidente falta de medios para garantir unha resposta rápida e eficaz ante emerxencias.
O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, foi contundente:
“Estamos ante un problema de primeira orde que afecta directamente á seguridade da cidadanía. Non se pode permitir que haxa concellos onde a resposta ante unha emerxencia dependa dun só bombeiro. Iso non é eficiencia, é abandono institucional.”
Desde UCIN Galicia critican a xestión da Xunta de Galicia nesta materia, á que acusan de “incumprir promesas reiteradas” e de “deixar nun segundo plano aos pequenos e medianos concellos”, que dependen en gran medida destes servizos.
“A Xunta leva anos prometendo reforzos que non chegan. Mentres tanto, os profesionais dos GES traballan en condicións límite e a cidadanía queda desprotexida. A seguridade non pode ser un privilexio, ten que ser un dereito garantido”, engadiu Calo.
A formación reclama:
• O reforzo inmediato dos cadros de persoal dos GES
• A cobertura de todas as quendas con equipos completos
• A reapertura dos servizos pechados e a ampliación de horarios
• Un plan urxente de investimento en medios materiais e infraestruturas
UCIN Galicia conclúe facendo un chamamento á responsabilidade institucional e esixindo medidas urxentes:
“Non imos mirar para outro lado. Galicia merece uns servizos de emerxencias dignos, con garantías e á altura das necesidades reais da poboación.”