UCIN Galicia denuncia o uso partidista de recursos públicos para obras e medios por parte da Xunta

2 minutes read

A delegación autonómica de Unión de Cidadáns Independentes (UCIN) en Galicia reclamou que as obras públicas, os recursos materiais e as canles de comunicación institucional financiados con diñeiro público non se utilicen como instrumentos de propaganda partidista por parte de cargos públicos ou formacións políticas que ostentan responsabilidades de goberno.


Nun comunicado remitido aos medios, UCIN Galicia subliña que as actuacións executadas polas administracións deben responder exclusivamente o interese xeral e non converterse en ferramentas de promoción persoal ou electoral. “As infraestruturas, os proxectos financiados con diñeiro público e as canles institucionais de comunicación deben manterse á marxe de calquera estratexia de autopromoción política”, sinalan desde a organización.


A formación advirte de que a utilización de inauguracións, cartelería institucional, notas de prensa ou actos oficiais cun marcado nesgo partidista “distorce a función pública” e pode xerar unha percepción de uso indebido de recursos que pertencen á cidadanía no seu conxunto.


Críticas á repartición de fondos públicos a medios


Neste contexto, UCIN Galicia lembra que diversos informes e análises xornalísticas en anos anteriores sinalaron que a Xunta de Galicia distribuiría ao redor de 12 millóns de euros en contratos e axudas a medios de comunicación considerados afíns, unha repartición que foi cuestionado pola oposición e por expertos en transparencia debido a dúbidas sobre o cumprimento dos procedementos de contratación pública e os criterios de adxudicación.
Segundo esas informacións, a estratexia iniciaríase durante o mandato do expresidente galego Alberto Núñez Feijóo e continuado posteriormente polo seu sucesor á fronte do Executivo autonómico, Alfonso Rueda.

Gráfico cos importes das axudas da Xunta da Galicia en 2025 á prensa escrita. (Datos: DOG).

Declaración de UCIN Galicia


O coordinador autonómico de UCIN Galicia, José Luis Calo, sinalou que “a cidadanía galega merece institucións que actúen con absoluta neutralidade e transparencia”.
“Cando se utilizan recursos públicos para reforzar a imaxe de quen goberna ou para influír no relato informativo, está a desvirtuarse o sentido da xestión pública. As administracións deben gobernar para todos, non para fortalecer unha estratexia partidista”, afirmou Calo.
O responsable de UCIN Galicia engadiu que “a comunicación institucional debe limitarse a informar con rigor sobre os investimentos, os prazos e o estado das obras, sen converter as canles públicas en ferramentas de propaganda”.


Chamamento á neutralidade institucional


A formación defende que a comunicación institucional debe limitarse a informar con transparencia sobre o estado das obras, os prazos de execución e o investimento realizado, evitando referencias que poidan interpretarse como campaña política encuberta. Neste sentido, lembran a importancia de garantir a igualdade de oportunidades entre forzas políticas, especialmente en períodos preelectorais.


Desde UCIN Galicia instan ás distintas administracións locais, provinciais e autonómicas a extremar a prudencia na organización de actos vinculados a proxectos públicos e a reforzar os mecanismos de control interno para asegurar que se respecte a neutralidade institucional.


A organización conclúe reclamando un compromiso firme coa ética pública e a separación clara entre a xestión institucional e a actividade partidista, co obxectivo de preservar a confianza cidadá nas institucións.